Opinión

'Pintar a mona'

[María Obelleiro]

Cada día coñecemos novos datos socioeconómicos que evidencian a grave crise que afecta o conxunto da Galiza. A día de hoxe, dispor dun traballo remunerado non garante chegar a fin de mes e, de feito, máis da metade dos fogares galegos dificilmente o fan. Así o reflicte a última Enquisa conxuntural a fogares do Instituto Galego de Estatística relativa ao terceiro trimestre do ano, que mostra un empeoramento dos indicadores a respecto do mesmo período do pasado ano. Os datos do desemprego e da afiliación á Seguridade Social tampouco son positivos, como non o é un incremento do IPC que fai diminuír a capacidade adquisitiva nin o feito de que máis da metade dos ingresos que recibiron o 44% dos fogares en 2022 procedían de prestacións sociais.

E, neste contexto, o Goberno galego, lonxe de traballar nun plan de rescate para as maiorías sociais e de recuperar axudas como a denominada Tarxeta Básica ou os libros de texto gratuítos, incide en medidas que benefician as persoas máis adiñeiradas, como o mantemento da bonificación do imposto sobre o patrimonio. Pouco pan e moito circo é a receita que segue o Executivo de Alfonso Rueda. No canto de percorrer Galiza nun bus para darse a coñecer e de prestarse a "pintar a mona" [Rueda dixit] nun dos programas de maior audiencia da TVG, debería centrarse en atallar as dificultades económicas que atravesa a meirande parte da poboación.

Comentarios