Opinión

E Pepe Blanco e Ana Pastor?

[María Obelleiro]

Cando comezou o xuízo sobre o accidente do tren Alvia acontecido en Angrois (Compostela) en 2013, as vítimas e familiares destas advertiran de que non esperaban xustiza ningunha. “Haberá sentenza, mais non xustiza”, sendo conscientes de que pouca xustiza podería haber dez anos despois do sinistro e cando nin sequera acudiron a declarar quen ocuparan a carteira de Fomento, José Blanco, quen deseñou e inaugurou a liña que percorrería ese tren, e Ana Pastor, baixo o mandato da cal se autorizara a desconexión do sistema de seguridade ERTMS. Precisamente, ao longo do xuízo puidemos escoitar o testemuño de persoas expertas que indicaron que, de estar conectado o ERTMS, o accidente non sería das dimensións que foi.

Chama a atención que coas neglixencias que se foron coñecendo, nin Blanco nin Pastor -quen volveu ser premiada polo PP coa cabeceira da candidatura ao Congreso por Pontevedra- tivesen que declarar na causa xudicial. En todo momento, tanto o PSOE como o PP trataron de sacar fóra do debate político o sinistro de Angrois polo medo ás consecuencias e, de feito, transcendera que a propia Pastor lle enviara unha carta á daquela comisaria de Transportes da UE, Violeta Bulc, para que non fixese público o informe que invalidaba a investigación española do accidente por non ser independente.

Comentarios