Opinión

Paxaros estranxeiros

[Xoán Costa]

Co título Cousas da Vida, Castelao publicou, primeiro en Galicia. Diario de Vigo e máis tarde, cando o Galicia fechou, en Faro de Vigo, unha serie de debuxos acompañados dun breve texto rodapé que, nuns casos recolle un comentario ou pensamento do autor ou do protagonista do debuxo, noutros un breve diálogo entre as figuras representadas e, algunhas veces, ambas solucións.

Este é o caso da “Cousa da Vida”  publicada o 29 de xaneiro de 1924, o día en que Castelao facía 38 anos. Comeza cunha advertencia: “Nos países cultos os paxaros non foxen dos homes”  e complétase co debuxo de dous paxaros mantendo un diálogo en que un afirma “- Un paxaro deixouse coller por un rapaz” ao que o outro replica: “- Sería un paxaro estranxeiro". A advertencia de Castelao ten plena actualidade. Diranme que a Galiza de 2024 é ben diferente da de 1924 mais, nalgunhas cousas, non tanto. Galicia. Diario de Vigo sofría unha forte persecución por parte da ditadura de Primo de Ribera. Hoxe algúns medios, entre eles Nós Diario, sofren as consecuencias das políticas do PP de Feixoo e Rueda. E os paxaros xa non é que fuxan dos homes; simplemente morren polas políticas ambientais levadas a cabo. O próximo 18-F temos a posibilidade de sermos paxaros estranxeiros ou actuarmos como paxaros de países cultos.

Comentarios