Opinión

Os da banda de alá

[Xoán Costa]

Remataron en Tui as reunións do Foro de Mobilidade Transfronteiriza do Rio Minho. As conclusións ben claras: é preciso un tren de proximidade entre Vigo e Viana do Castelo. Razóns: Hai demanda. Hai infraestrutura. Só se necesita vontade política para o pór en marcha. Esa é a cuestión. Queremos diluír a fronteira? Ou máis ben evidenciar que é necesaria? Hai máis de 140 anos que se construíu unha ponte sobre o Miño, non para unir mais para salientar diferenzas. Unha ponte que facilitou o intercambio de mercadorías e viaxeiros entre España e Portugal, mesmo agrandou os beneficios da alfándega de Vigo, mais non serviu para unir as dúas beiras do Miño.

Así o reflicte Castelao no álbum Nós. Dialogan un vello, de costas dadas para o Miño, e unha figura infantil que interroga abertamente sobre os da banda de alá. Castelao mantén o enigma, a ambigüidade na resposta. A indefinición do vello remete ao pasado; a pergunta do neno aponta ao futuro.

A ponte segue aí, sen gardas que a custodien. Sen pasaportes. Sen fronteira visíbel. Sen Garda Civil. Sen GNR. Mais a comunicación da Galiza con Portugal bate cunha fronteira invisíbel. Necesitamos abrir unha ponte cara aos da banda de alá. E dos da banda de alá para os da banda de acá. Unha ponte sen distopías. Só así poderán circular os trens de proximidade.

Comentarios