Opinión

O ridículo

[María Obelleiro]

Asistimos onte a un novo capítulo vergonzoso no Congreso de Deputadas e Deputados. Mentres a maioría do arco parlamentario daba o seu apoio ao levantamento do veto ao uso do galego, euskera e catalán na actividade normal da Cámara Baixa, as deputadas e deputados galegos do PP, entre eles o seu presidente e quen fora xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, volvían sumar os seus votos aos de Vox, e tamén aos da Unión del Pueblo Navarro, contra o idioma propio da Galiza. Alguén cun mínimo de sensatez pode xustificar un ataque semellante contra unha das principais riquezas do país ao que supostamente representa? Só pode facerse desde unha óptica de crispación, destrución e odio, co ultraespañolismo por bandeira.

Xa é ben triste ter que presentarse ás eleccións estatais por Madrid, como fixo o núcleo duro que apoiaba Feixoo até hai pouco máis dun ano cobrando das arcas públicas galegas, ou por Albacete, como lle ocorreu á que fora ex presidenta do Parlamento galego, como para ter que votar en contra do que nos define como galegas e galegos por un salario. Que maneira de venderse! Tampouco imos ser hipócritas, pouco se pode esperar dun señor que, á fronte da Xunta da Galiza, non só incumpriu o seu deber negándose a defender o idioma propio, senón que o atacou de maneira reiterada. O seu discípulo e sucesor, Alfonso Rueda, é máis do mesmo, un renegado.

Comentarios