Opinión

O plus dos médicos

[María Obelleiro] 

Esta semana coñeceuse que a Xunta da Galiza e mais a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) asinaron o acordo polo cal as facultativas e facultativos que traballan na sanidade pública e tamén na privada e que, por tanto, non cobran o complemento específico que cobran quen se dedican en exclusiva á pública pasen a percibir 720 euros brutos ao mes. A sinatura do acordado foi un dos compromisos que adquirira a Consellaría de Sanidade para que as médicas e médicos puxesen fin á folga que tivera lugar no mes de abril.

O Goberno galego presumiu de que o acordo permite "suplementar a retribución do persoal sen dedicación exclusiva [na sanidade pública] até reducir a fenda até a contía máxima pactada de 180 euros". Eses 180 euros brutos supoñen a diferenza do que reciben as médicas e médicos que traballan en exclusiva na sanidade pública a respecto de quen tamén traballa na privada. Segundo a CIG, eses 720 euros brutos ao mes representa, para as arcas da Xunta da Galiza, 1 millón de euros ao mes.

Se xa nos renxía, como usuarias e usuarios, que unha médica ou médico do Sergas poida exercer á vez na privada, faise aínda máis incomprensíbel que o Goberno galego os premie con 720 euros máis ao mes. E se en vez de saciar os intereses deste lobby se dedicase ese millón ao mes a paliar as carencias da sanidade pública?

Comentarios