Opinión

O can

[Xoán Costa ]

Lembran aquela Cousa de Castelao que comeza “Se eu fose autor escribiría unha peza en dous lances”? Pois lembren. E trasladen o que alí se conta para os días de hoxe, mudando o que houber que mudar.

Lance primeiro. Un informe oficial indica que 346 persoas, case unha por día, morreron na Galiza en 2023 agardando que se resolvese a súa petición de axudas ao amparo do estabelecido na Lei de dependencia. O escenario debe ter en conta que na Galiza o tempo de espera para recibir as axudas á dependencia supera de media os 370 días e que máis de 30% das persoas que cursan a solicitude morren antes de esta se resolver. 

Lance segundo. Unha sentenza por caso de divorcio confirma unha pensión de 40 euros mensais para o coidado dunha mascota, un can, e de 75 euros por cada un dos fillos do extinto casal. Os gastos extraordinarios serán compartidos ao 50%. Foi na Galiza mais podería ter sido noutro lugar.

Final. Castelao retrata criticamente a sociedade galega de hai cen anos. O capitalismo salvaxe comezaba a se hospedar nas conciencias. A ostentación, a ociosidade, os constantes esquemas fraudulentos, o desvío de bens, os xogos de poder e influencia e a burocracia comezan a despontar até o ponto de seren hoxe o esquema dominante que permite atender o can aínda que se desatendan as persoas.

Comentarios