Opinión

'Nós Diario', a nosa Grândola

[Xoán Costa]

Nestes días Nós Diario levou a cabo unha intensa campaña de promoción do medio tomando como referencia a saída do número 1.000. Foron 22 as etapas desta volta á Galiza que nos levou desde A Guarda a Foz ou de Corcubión a Verín. Escoitamos o parecer das máis de mil persoas asistentes, perplexas as máis das veces da dependencia e subordinación institucional da prensa da Galiza e confiantes no modelo representado por Nós Diario, un modelo que acredita na independencia informativa e que só rende contas perante a verdade e a honestidade porque só se debe ás leitoras e leitores, ás persoas subscritoras, ás entidades anunciantes que fan normal a publicidade en galego. 

Recebemos propostas para agrandar o medio e, sobre todo, para agrandar o espazo e o sistema informativo galego. Escoitamos a quen xa nos le e presentámonos a quen aínda non nos coñece. 

Corroboramos que  ninguén arroupa a política excludente da Xunta de Galiza ao privar a empresa editora das axudas públicas ás que segundo as convocatorias ten dereito. E, finalmente, parafraseando o Grândola, Vila Morena, podemos afirmar que encontramos en cada esquina unha persoa amiga, en cada rosto o convencemento de que Nós Diario –a Grândola que xuramos por compañeira– ten futuro porque depende de nós e cada día é máis necesario.

Comentarios