Opinión

Non che digo nada ... Pero ¡vaia!

[Xoán Costa]

Pasan naquesta vida / cousiñas tan estrañas, / tan raros feitos vense / neste mundo de trampa; / tantos milagres vellos, / tan novas insinanzas, / e tan revoltos allos / con nomes de ensaladas, / que non che digo nada…/ Pero ¡vaia! 

Pois si. Sempre convén reler Rosalía. Os seus textos son de tanta actualidade e teñen tanta vixencia que poderían formar parte das páxinas de análise de moitos medios. Reparen senón no texto que vai máis arriba.

Unha sátira en que Rosalía revisa, mediante unha invocación, algúns tipos humanos, principalmente mulleres e rapaces, cun comportamento que non se corresponde coa súa aparencia nen co que deles se agarda. Daí a confusión, e tamén a sorpresa, o choque entre aparencia e realidade. E todo nun contexto cambiante que afecta tamén o resto da sociedade, as outras persoas que teñen, que temos, experiencias diferentes.

Vemos tan raros feitos, legais, certamente, como que un candidato suplente nunha lista municipal acabe sendo presidente dunha Deputación após a renuncia á acta de todos os que o precedían; asistimos a pactos de goberno entre grupos que hai dous días negaron – máis veces que Pedro negou Xesús Cristo- toda posibilidade de acordo. E vemos, sobre todo, como as novas ensinanzas que pretenden explicar estes novos tempos nos fai máis vítimas da confusión. Non che digo nada ... Pero ¡vaia!

Comentarios