Opinión

Nación con símbolos

[Xoán Costa]

Hai 215 anos, un estandarte de seda branca con cenefa azul, identificador do Batallón Literario de Santiago, percorreu as rúas de Compostela. Esa combinación de azul e branco, coa cenefa convertida en franxa transversal, é a orixe da bandeira actual. En 1898 varios xornais na Galiza publicaron a forma e as proporcións deste emblema, forma e proporcións continuadas até hoxe, 125 anos máis tarde. Poderíamos dicer que é neses xornais, que tamén se queixan do pouco uso público que a bandeira ten na altura, onde se dan os primeiros izados de bandeira.

Nestes días Vía Galega promove levantamentos de bandeira en moitas localidades do país, coincidindo co 105 aniversario da I Asemblea Nacionalista de Lugo, onde se definiron as bases da Nación galega moderna. Unha Nación con símbolos. A bandeira é un deles e como tal símbolo foi usado, polo menos, desde 1891 cando os restos de Rosalía de Castro foron trasladados desde a Adina a Bonaval, mais temos evidencias de que se usou desde a década de 1870 como elemento identificador da Galiza.

Hoxe é fácil ver ondear a bandeira galega, nas institucións acompañada da bandeira do mesmo Estado que nos nega como Nación. É esencial visibilizar os nosos símbolos, afortalar o noso patrimonio simbólico porque iso tamén axuda a nos visibilizar no mundo.

Comentarios