Opinión

A monarquía española, en cuestión

[María Obelleiro]

Leonor de Borbón xurou onte a Constitución con motivo do seu 18 aniversario, nunha cerimonia de obrigado cumprimento para acceder ao posto hereditario que agora ocupa o seu pai, Felipe VI. Mais o acto de xura da carta magna deste último, que decorreu en 1986, pouco tivo a ver co de onte, onde se mostrou quen se afasta da monarquía española e quen se aliña con ela.

Así, os representantes do BNG, ERC, Junts, EH Bildu, PNV, Compromís, Més per Mallorca e a Chunta Aragonesista decidiron darlle as costas a un estamento marcado polos escándalos, ao igual que parte dos deputados e deputadas de Sumar. Non asistiron as ministras en funcións Ione Belarra, Irene Montero e Alberto Garzón; pola contra, si asistiron, entre outros cargos, a ministra en funcións Yolanda Díaz e a deputada pola Coruña Marta Lois-.

Tampouco participaron o presidente catalán, Pere Aragonés, nin o lehendakari vasco, Íñigo Urkullu -si o fixo o galego, Alfonso Rueda-. En cambio, cando xurou a Constitución española Felipe de Borbón estiveron presentes o daquela president da Generalitat, Jordi Pujol, e o seu homólogo vasco, José Antonio Ardanza. Naquela cerimonia só faltaran o representante de ERC, Francesc Vicens, e os dous electos de HB, Francisco Letamendia e Jon Idigoras, que non chegaran a tomar posesión como deputados. Onte, faltaron 54. A comparación evidencia a febleza dun sistema, a todas luces, obsoleto, inxusto e anacrónico.

Comentarios