Opinión

Medo a debater

[María Obelleiro]

Ao PP non lle gustan os debates electorais. Leva anos demostrándoo. Cada vez que hai unha cita electoral, os representantes populares evitan confirmar a súa asistencia. Iso si, sempre poñen por diante palabrería referida ao importante que é confrontar ideas. Todo vale para evitalos: desde unha suposta incapacidade de Feixoo durante a campaña electoral dos comicios estatais até rebentalos se non se poñen as regras de xogo que eles cren que os benefician.

E, neste contexto, nada novo baixo o sol (máis ben baixo a chuvia), algo máis que previsíbel: Rueda forza a entrada no debate da CRTVG de Sumar, coa idea de "divide e vencerás", e, como sabe que o prexudicaría, non quere convocar Democracia Ourensá nin o seu socio de Goberno preferente por España adiante, Vox. Para argumentalo, retorce o estabelecido pola Xunta Electoral. Calquera sabe que a CRTVG fará o que dite o xefe Rueda.

O normal sería regular os debates e que houbese cantos máis mellor, e tamén cara a cara, mais ao PP, como dixemos, iso non lle gusta. É un dereito da cidadanía contrastar propostas, aínda que os menos demócratas non gosten.

Comentarios