Opinión

Marzo e o que ardeu

[Alberte Mera]

Os incendios forestais marcaron a última semana de marzo na Galiza. Mentres na costa oeste chovía, os fortes ventos avivaban os fogos da Mariña, Meira e A Fonsagrada, que deixaron máis de 1.570 hectáreas calcinadas. Dicir que o cambio climático é futuro é negar a realidade, pois os voraces incendios do verán e mais estes fogos de marzo amosan que o cambio climático é presente, xa está aquí.

Por tanto, respostas -ineficaces- do pasado aínda menos valen para o presente e o futuro. O monucultivo de eucalipto fomentado pola Xunta da Galiza para beneficio de empresas como Ence significa condenar Galiza a arder de maneira máis salvaxe cada ano. Alcaldes de concellos afectados polo incendio orixinado en Baleira, na comarca da Fonsagrada, sinalaban na edición da quinta feira de Nós Diario que os medios da Xunta para facer fronte ás lapas eran insuficientes.

Onte, mil brigradistas con contratos cunha duración de seis meses indicaban á Xunta da Galiza a necesidade de que estivesen xa a traballar ante o alto risco de incendios forestais no país. Intensificar os traballos de prevención é necesario, si, mais sobre todo, para facer fronte a estas secas prologadas e desestacionalizadas que viñeron para ficar, o monte galego precisa dun cambio de modelo, abandonar o eucalipto e ser un multifuncional e produtivo, un ecosistema que cree riqueza ecolóxica, ambiental e económica para a Galiza. 

Comentarios