Opinión

Marxes empresariais

[María Obelleiro]

O sindicato CCOO presentou no día de onte un estudo que evidencia o que xa viñan advertindo distintas entidades: as marxes empresariais creceron o triplo que os salarios desde 2019. De feito, a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) xa apuntara que os salarios non eran o responsábel do episodio inflacionista e puxera o foco nos beneficios das empresas, sobre todo nos sectores da minaría, a electricidade, o gas e a xestión da auga, que xeraron “máis do 40% do aumento dos beneficios do ano 2022”. 

Tamén o salientara a ONG Oxfam Intemón, quen denunciara que as marxes empresariais explican o 90% da suba do IPC. Evidentemente, as empresas teñen dereito a aumentaren as súas marxes de ganancia e a obteren uns maiores beneficios, pero non é xusto que sexa á custa das maiorías sociais, que a día de hoxe comproban no prezo do cesto da compra o impacto da inflación, nin do espolio do territorio.

Como tampouco é xusto que, debido á eclosión das vivendas de uso turístico, entre outros factores, o prezo dos alugueres continúe a dispararse e que o estudantado atravese serias dificultades para poder acceder á vivenda.

Comentarios