Opinión

Máis MIR

[María Obelleiro]

Estes días sucédense por toda a Galiza mobilizacións contra os recortes na sanidade pública. As persoas usuarias sofren atrasados de máis de unha semana para poder dispor dunha cita de Atención Primaria. Outras descoñecen cando poderán acceder a unha proba diagnóstica ou a unha operación porque se atopan nas listas de espera que o Sergas denomina “non estruturais”, unha caste de limbo a onde o Goberno galego envía a quen desbota acudir a un centro hospitalario privado que manteña un concerto co Sergas e que non figura nos datos oficiais. E todas aturan os cruzamentos de acusacións entre a Consellaría e o Ministerio pola “falta de médicos”.

Só hai que acudir á Orde SND/990/2023 do 17 de agosto para comprobar que, en efecto, o Sergas forma menos médicas e médicos dos autorizados polo Ministerio de Sanidade, de maneira que na convocatoria actual, a Xunta da Galiza renunciou a máis médicas e médicos de Oncoloxía; Otorrinolaringoloxía; Anatomía Patolóxica; Aparello Dixestivo e Medicina Nuclear. De feito, Galiza é a única autonomía que aplica “cota autonómica”, é dicir o número de prazas ofertadas é maior que a cantidade de prazas orzadas, pois os salarios dos MIR corren por conta da Xunta da Galiza. Isto tradúcese en que o Goberno de Alfonso Rueda “aforra” en médicos. Non era que non había?

Comentarios