Opinión

Incompetencia

[Alberte Mera]

A preguntas concretas veñen respostas difusas como a nebulosa, como esa masa de materia cósmica que semella unha nube de contorna imprecisa. Así poderiamos describir onte o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, na forma en que tivo de responder a este medio ao ser preguntado por unha cuestión moi concretiña: cantas das máis de 30 competencias que o acordo de investidura de Pedro Sánchez asinado co BNG compromete que serán transferidas á Galiza nesta lexislatura serán solicitadas pola Xunta -é lóxico, parece ser, que para que o Estado faga a transferencia do que ten no seu poder, a Galiza llo demande-.

Ben, Rueda preferiu responder con Catalunya e a lei do litoral da Xunta recorrida polo Estado -mal feito, si, pero para iso son precisas as competencias que vostedes nunca piden-. Iso si, acabou recoñecendo o presidente que aceptará a condonación da débeda pública galega que aparece recollida no acordo do BNG co PSOE. En canto ás competencias, precisamente, lembro hoxe aquilo que se cantaba cando estabamos no ensino medio en medio da marea negra do Prestige, "incompetencia", en referencia á xestión da catástrofe polo Goberno do PP, mesmo partido que nos últimos 14 anos que leva gobernando Galiza non foi quen de ampliar o autogoberno cunha soa competencia.

Comentarios