Opinión

O Goberno galego como problema

[María Obelleiro]

Con independencia das proxeccións debuxadas, un dato que chama especialmente a atención na enquisa do CIS publicada onte é o relativo aos principais problemas das galegas e galegos. O desemprego é o principal, o estado do sistema sanitario é o segundo, a crise e os problemas económicos o terceiro e o cuarto é o propio Goberno galego, liderado por Alfonso Rueda.

Esta radiografía da preocupación da poboación galega a respecto do emprego e da economía deixa en mal lugar o candidato do PP á Presidencia, pois os Executivos dos que el fixo parte nos últimos anos tiñan competencias en materia de emprego, de industria, de comercio, de mar, de agro..., mais as cifras oficiais relativas á destrución de postos de traballo na industria, ao fechamento de comercios e de explotacións agrogandeiras, á caída na produción das rías, á precarización no sector servizos... evidencian que as políticas desenvolvidas foron incorrectas ou inexistentes.

O mesmo acontece coa sanidade pública, con servizos como a Atención Primaria desmantelada, con camas de hospitais infrautilizadas, con listas de agarda manipuladas... Non por acaso, o Defensor do Paciente aínda advertiu esta semana de que a galega é a Atención Primaria que maior saturación padece no Estado.

Que o Goberno galego sexa a cuarta preocupación citada polas persoas enquisadas xa o di todo. Está claro que gran parte da sociedade quere un cambio. Un cambio que vai depender da mobilización das persoas que optan pola abstención.

Comentarios