Opinión

Galiza é unha nación

[Xoán Costa]

"Galiza é unha nación ben definida, diferente dos demais pobos que habitan España, a súa orixe, a súa historia, a súa lingua e os seus costumes xustifican absolutamente esta diferenza".

Esta declaración foi presentada en Berna, Suíza, hai 90 anos, fainos hoxe día 16. Ese día comezaba o IX Congreso de Nacionalidades Europeas promovido pola Sociedade de Nacións. E serviu para que Galiza fose considerada unha nación.

Hoxe a lingua galega, ingrediente imprescindíbel na etiqueta de nación, é reprobada polo grupo parlamentar do PPdeG e polo presidente da Xunta que, ignorante nos principios básicos da sociolingüística, afirma que "non me fai máis galego usar o galego que unha persoa que me fala castelán". Nen menos, Sr. Rueda, porque non se trata de ser máis ou de ser menos, de se o bilingüismo enriquece ou empobrece. Trátase -enténdeo?- de garantir os nosos dereitos.

Aquel recoñecemento é importante para a Galiza. Convén non o esquecer. Nen lembralo como unha efeméride máis. O 98% das persoas que actualmen-te habitamos na Galiza nacemos baixo esa etiqueta de nación outorgada en 1933. Unha etiqueta que nos proxecta en pé de igualdade a outras nacións do continente europeo e que cómpre socializar e reivindicar berrando ben alto, como tantas veces temos feito, que queiran, que non, Galiza é unha nación

Comentarios