Opinión

De fronte, de esguella

[Xoán Costa]

Opresidente en funcións do Goberno da España dixo, no seu papel como presidente de turno da UE, que a comunidade internacional leva demasiado tempo ollando para outro lado en referencia ao conflito palestino-israelita.  Mais esas palabras precisan corrixirse pois nos 75 anos de existencia do estado de Israel non é que a comunidade internacional ollase para outro lado, é que ollou sempre para o mesmo lado.

O Dereito Internacional e os dereitos humanos son materia que Israel toma a repelo desde a súa constitución en Estado en 1948. Porque Israel sempre fixo o que lle deu a gana. Sen temor a ningunha sanción  por saberse protexido, como se viu esta semana coa visita de Biden.

Ora, o máis preocupante, se cabe, é como ese ollar para outro lado se torna de repente en ollar de esguella para quen manifeste algún tipo de preocupación pola xente encerrada e bombardeada en Gaza. Un dos casos máis rechamantes é o de Benzema. O futebolista escrebeu un chío pedindo unha oración  polos habitantes de Gaza e toda a Franza se retorceu contra el acusándoo de axente de Hamás.

As bombas arrasan Gaza mais o odio vai camiño de nos arrasar a nós. Atacamos a quen non condena Hamás. A quen non condena o suficiente. A quen condena, pero tamén reproba a colonización israelí. Calquera ollada é sospeitosa.

Comentarios