Opinión

Excursión de Altri

[Alberte Mera]

Folletos propagandísticos apareceron esta semana nas caixas de correo da veciñanza da Ulloa sobre a macrocelulosa que Altri proxecta en Palas de Rei. De seguido apareceu unha web publicitaria do proxecto cos mesmos contidos que o panfleto, iso si, sen rastro de celulosas nin verteduras contaminantes nin de eucaliptos. A este greenwashing -que comezou Núñez Feixoo e continúa Alfonso Rueda- da macrocelulosa de Altri na Ulloa seguiu onte e segue hoxe unha excursión dos alcaldes de Palas de Rei e Monterroso ás instalacións da empresa de celulosa en Portugal. Acompáñaos prensa que foi convidada pola empresa. A excursión parece unha comedia das de Cine de Barrio, desas de cando os ianquis "viñan civilizarnos"... Benvido mister Altri? Mais o greenwashing está xa bastante escurecido, collendo a cor do chapapote, ao quitárselle toda a publicidade. A iso contribuíu en primeiro lugar a veciñanza que, organizada na Plataforma Ulloa Viva, que ten Marta Gontá como portavoz, está a organizar unha oposición ao proxecto coa forza da ciencia, da razón e da palabra -por moito que Altri acuse a veciñanza de violenta, só se opoñen coa palabra-. Parabéns á plataforma por todo o labor de recompilación de estudos e de unión de especialistas en ciencia, saúde, bioloxía, economía e sectores produtivos para artellar coa forza dos datos a resposta popular a este macrocomplexo contaminante.

Comentarios