Opinión

Espolios de hoxe

[Alberte Mera]

É coñecido como as grandes potencias fixeron medrar a súa economía espoliando recursos naturais das colonias. Hoxe, presenciamos como o paradigma centro-periferia (no que a centros de decisión política e económica se refire, non a unha situación xeográfica) segue vixente no caso da Galiza. O proxecto de eólica mariña coñecido onte, de IberBlue Wind, quere erguer dous parques con 109 turbinas nunha superficie de 530 km2 ante as costas do Baixo Miño e de Viana do Castelo. Un proxecto nado ao calor do Plans de ordenación do espazo mariño do Goberno español e que reservan 2.350 km2 de augas galegas para o desenvolvemento de activades enerxéticas e que afectan 184 caladoiros da frota pesqueira galega.

Mentres, o índice IPI amosa que o balance da produción industrial galega non é positivo, exceptuando o aumento da produción eléctrica (28,9%) e da extracción de recursos (83,1%) entre febreiro de 2022 e de 2023. Os datos amosan que mentres a Galiza atravesa a súa desindustrialización, as empresas que ven incrementada a produción son aquelas que tradicionalmente operaron sobre colonias, extraendo recursos sen, como hoxe, xeraren riqueza nesas terras nin emprego. Cómpre recordar que na actualidade a provincia de Madrid acolle a sede fiscal das principais empresas eléctricas que operan na Galiza, mais non conta Madrid cun só aeroxerador.

Comentarios