Opinión

É a hora dos pobos

[Alberte Mera]

O lehendakari vasco Iñigo Urkullu citaba onte a alianza da Galiza, Euskadi e Catalunya de 1933 para chamar a dar novos pasos en prol dunha reconfiguración do Estado español e da Constitución, na que as nacións teñan dereito a decidir, autogoberno pleno a través de recoñecer, precisamente, un dereito a decidir "pactado". A carta do presidente vasco é clara, desde as súas posicións, e deixa patente que esta lexislatura está chamada a ser a do debate territorial.

A configuración do Congreso español e a imposibilidade de progresistas estatais e da dereita a formar Goberno sen contar cos nacionalismos da Galiza, Euskal Herria e Catalunya fixo ver a aqueles que negan a realidade e a existencia destas nacións que, sen as forzas propias destes pobos, non hai posibilidade de elixir un presidente do Estado. Até Feixoo, despois de atacar coas máis duras palabras que hai o soberanismo catalán, vese agora na obriga de dialogar.

E mentres o Goberno vasco e o catalán dan pasos adiante exixindo máis autogoberno e dereito a decidir, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, mostrábase onte con medo á proposta de Urkullu, reclamando que non haxa diferenzas en España, unha forma amábel do café para todos e de dicir que a Galiza siga tendo o mesmo status que unha rexión española. Señor Rueda, non deixe Galiza atrás neste debate transcendental para o futuro da Galiza. É a hora dos pobos. 

Comentarios