Opinión

Dogma de fe

[Alberte Mera] 

Dogma de fe como principio sobre o que non cabe discusión. Eis a Constitución española, sobre a que calquera crítica ou cuestionamento provoca enfados, irritación, alerxias e repregamento de forzas ao redor desa idea de "España única". Un dogma de fe nado dunha "modélica transición", que non ruptura (unha ditadura caída sen revolución nin caraveis, sen Grândola que entoase romper co franquismo), e que ten entre os seus pais o máximo exemplo desta reconversión do franquismo aos novos tempos: don Manuel Fraga Iribarne, ministro censor da ditadura de Francisco Franco que actuou de pai da Carta Magna e fundou Alianza Popular e o actual PP. 

44 anos despois da votación deste texto que consagra a monarquía española como sucesora de Franco, o deber de saber o español mais non o galego, e que marca as forzas armadas como encargadas de manter a sacrosanta unidade da patria española, o certo é que só os deberes e corsés se cumpren ficando en papel mollado os dereitos que se enuncian nesas liñas como vivenda, traballo ou sanidade, cunha Atención Primaria cada día máis colapsada na Galiza. 44 anos despois da Constitución español e 41 do Estatuto de Autonomía, os corsés de vello incapacitan poder avanzar como pobo. Un novo status para Galiza soa cada vez máis lóxico, xusto e necesario. 

Comentarios