Opinión

Contas son contas

[Xoán Costa]

A Feixoo non lle cadran as contas. Nótaselle na face. Pasoulle na noite do 23-X cos seguidores de Ayuso e pasoulle antonte na elección da mesa do Congreso ao conseguir só 139 votos, perdendo os do seu principal aliado, que para máis escarnio presentaba de candidato un ex do PP. Un baño de realidade que chega despois de moitas declaracións en que se repetía a si mesmo que o PP fora a lista máis votada e que el estaba “a tres ou catro deputados” de ser presidente. Debería facer caso ao refrán: nada de contas con parentes, nen de débedas con ausentes. 

Tampouco debeu ser fácil o día para Cuca Gamarra, postulada para presidenta da mesa e que debeu, durante algúns minutos, abandonar o seu aguillón e vestir pel de ovella para optar a un posto de máis carga representativa. Ora, frecha despedida non volta ao arco.

Pola contra, O PSOE obtivo unha importante vantaxe de cara a unha posíbel investidura de Pedro Sánchez. Con todo, o máis comentado nas reunións do día despois foi o emprego das linguas cooficiais no Congreso. Todos, tertulianas e tertulianos,  se marabillan do bon que vai ser iso para a convivencia e a democracia, auguran unha próspera XV lexislatura e pregúntanse, os mesmos que antes lanzaban setas contra quen defendía esa posibilidade, como é que non se tomou antes esa medida tan necesaria. Pero xa sabemos que quen cospe para o ceo, na cara lle cae.

Comentarios