Opinión

Ciencia alén da Covid-19

[María Obelleiro]

Coa irrupción da pandemia da Covid-19, a ciencia ocupou páxinas de xornais, debates na televisión e conversas. Até ese momento, non era das temáticas máis exploradas nos medios de comunicación nin no debate público. No día de onte, con motivo do Día da Ciencia en Galiza, que decorre, en realidade, o 8 de outubro, algunhas das mentes máis brillantes deste país foron protagonistas.

Por unha parte, a Real Academia de Ciencias recoñecía, coas súas medallas, seis persoas polas súas traxectorias destacadas e consolidadas en investigación e, por outra parte, a neurocientífica Sonia Villapol pronunciaba o pregón das festas de San Froilán de Lugo, un escaparate sen igual para achegar á cidadanía o traballo en I+D+i.

Hai talento. Hai potencial. Hai enxeño. Demóstrano todas as persoas que, desde a discreción dos laboratorios, desenvolven unha actividade fundamental para o futuro da vida humana. Mais todo ese capital non está a ser impulsado por parte dos poderes públicos.

Explica nestas páxinas Andrea Casacallar, que recibiu recentemente o Premio Eusflat á mellor tese de Europa, que ten que exercer a carreira investigadora no sector privado porque o público non garante nin estabilidade nin salarios dignos. Moitas destas persoas que se dedican á I+D+i teñen que emigrar ante a falta de perspectivas laborais. Apostemos pola ciencia.

Comentarios