Opinión

Cando o vento sopra

[Xoán Costa]

O calendario mundial de celebracións está cheo de "días de". Algúns teñen un contido máis vindicativo e social, outros lembran feitos ou situacións históricas. E hai outros que só son creacións mercantís.

Neste 15 de xuño conmemórase o día global do vento, unha efeméride promovida desde 2007 pola Asociación Europea de Enerxía Eólica coa finalidade de dar a coñecer as empresas do sector.

Iso foi en 2007. Trinta anos antes, un 15 de xuño de 1977, celebráronse uns comicios, os primeiros desde febreiro de 1936, que foron determinantes para a conformación do Estado español na forma actual pois as Cortes saídas deles elaboraron a Constitución de 1978 e con ela determinaron a nosa relación co Estado. Gañou a UCD. Falouse de festa democrática. Díxose que -desde aquela- o vento da liberdade batía na face de cada cidadán, de cada cidadá. Pero non repararon en que o vento xunta a palla, mais despois espalla.

O noso refraneiro asegura que de España nen bon vento nen bon casamento. Pola contra, España ben que atende, en beneficio propio, o valor do noso vento, na terra e no mar. O próximo 23-X podemos facer que retorne o vento e que, como na canción de Fuxan os ventos, cante:

Pronto hei de volver / Pra tira-la fame / Pra poder comer.
Porque cando o vento sopra entra en todos os buracos.

Comentarios