Opinión

Borbullas

[Xoán Costa]

As derradeiras palabras da entrevista concedida a este medio pola investigadora Sandra Goded sobre a perda de biodiversidade nos espazos con alta concentración de eucalipto, equiparando as súas consecuencias coa borbulla inmobiliaria, deberían facernos reflexionar sobre a necesidade de ordenar a nosa masa forestal, combinando adecuadamente paisaxe, biodiversidade e rendibilidade económica.

Hoxe vemos o que ían ser urbanizacións modélicas do noso hábitat futuro cobertas de silvas; o que ían ser parques empresariais xeradores de riqueza e dinamizadores desas mesmas urbanizacións, cobertos de xestas. E podemos intuír, das palabras da investigadora, que o mesmo sucederá cos nosos montes cando a superprodución de eucalipto faga caer os prezos até o ponto de ás proprietarias, persoas físicas ou xurídicas, non lles compensar asumir o alto custo de manter o eucaliptal limpo. Daquela o problema dos incendios alcanzará, axudado polo decorrer das mudanzas certas nas condicións ambientais, proporcións seguramente hoxe inimaxinábeis. Os avisos están aí. E a posibilidade de ollar para outro lado, tamén.

Comentarios