Opinión

Baronías

[Alberte Mera]

Era 2004. Xosé Luís Baltar e Xosé Cuíña forzaban a máquina do PP de Fraga para manter o peso das baronías e das chamadas boinas nunha dereita que escoraba cara a un mando único e de birretes. A primeira maioría absoluta de Feixoo reforzouno á fronte do partido en 13 anos no que apenas transcenderon voces discordantes. Mais agora, a súa marcha a Madrid deixa, como analiza hoxe Nós Diario, un partido que volta ás baronías pois, é co favor das e dos líderes territoriais que Rueda non tivo rivais na súa carreira para facerse coa Presidencia da Xunta e máis coa do PP. Precisamente, esta fin de semana Rueda será investido presidente do partido.

O "estilo Rueda", termo co que o novo mandatario galego acuñou nas últimas semanas a forma en que vai gobernar, semella que será un estilo propio mais marcado por Feixoo desde Madrid e, desde logo, polas baronías galegas. En que mudará iso na práctica as políticas da Xunta? Dicía Feixoo que o PP galego é un partido previsíbel, mais desde logo o que fica de lexislatura semella de todo menos previsíbel. Sería bo que o conclave que reúne hoxe os altos cargos do Goberno galego dedicase máis tempo a tratar os problemas da Galiza e pouco ou ningún a laurear Juan Carlos I, como si fixo Rueda estes días. Novo congreso, vida nova, estaría ben, non?

Comentarios