Opinión

As contas...

[María Obelleiro]

Publicabamos o pasado sábado unha información relativa ao informe do economista Xosé Díaz, que foi presidente da Comisión de Economía e Facenda do Parlamento galego na V lexislatura e que participou na comisión especial sobre financiamento autonómico do pasado ano, sobre a liquidación das contas das comunidades que fan parte do réxime común.

Apuntábase que en 2021, último ano con datos dispoñíbeis, o Estado transferiu ás arcas galegas 5.082 millóns menos dos recadados en impostos, é dicir, a facenda española ingresou na Galiza, a través de diversos tributos, cando menos, 13.974 millóns, mais só devolveu 8.892.

No xornal de hoxe facémonos eco dun outro aspecto do citado estudo: Madrid recadou 49% de todos os impostos do Estado a pesar de que representa 19,4% do Produto Interior Bruto estatal. A respecto do Impostos de Sociedades, Madrid recadou en 2021 un total de 10.390 millóns, e Galiza, 1.373 millóns. Unhas cifras que se entenden mellor se explicamos que máis de 4.200 empresas con actividade na Galiza pagan os impostos fóra do país.

Un dos casos máis significativos é o de Ence: paga por ese tributo 6 millóns en Madrid e na Galiza, onde deixa a contaminación, tan só 1. O mesmo acontece con Alcoa, Xeal, Celsa... E coas enerxéticas, que pagan o groso dos impostos en Madrid malia enriquecerse cos recursos naturais da Galiza.

Comentarios