Opinión

Alteración climática e urxencias

[Alberte Mera]

A causa das altas temperaturas, que agravan diversas patoloxías, 49 persoas faleceron na Galiza tan só nos 13 primeiros días de agosto, 10 máis que en todos os días de xullo e tamén 10 máis que no mes de xuño. Os discursos negacionistas do cambio climático son cómplices, si, do incremento das mortes pola alteración do clima, mais tamén cómpre recordar a responsabilidade directa das empresas donas dos grandes complexos contaminantes, dos Gobernos que por inacción ou por conivencia cos lobbies favorece o quecemento global con máis proxectos que prexudican a depredación do medio.

Todas e todos podemos e debemos facer moito polo clima, mais nin esta razón nin os discursos que poñen o foco só na responsabilidade da poboación poden frear a alteración climática. Este obxectivo crucial implica, como sempre, alén dun comportamento individual comprometido co medio, dun cambio de sistema, dunha transición enerxética real e que non sexa a custa das maiorías sociais. Unha crise climática non debería -como tantas crises- ser soportada por quen menos ten. A mudanza de raíz de hábitos de produción e de consumo, de formas de explotación dos recursos e dos territorios é precisa.

O actual sistema significa acelerar a destrución do planeta, só un xiro de 180 graos implicará unha mudanza que poña o territorio e os recursos  ao servizo e da poboación e non das elites. É por tanto, unha cuestión de raíz e non de cosmética, e menos aínda de aproveitar "o verde" como forma de negocio destruíndo o territorio a base de erguer macroparques eólicos na Galiza.

Comentarios