Opinión

O acordo Unión Europea-Turquía

O acordo entre a Unión Europea e a Turquía en materia de refuxiados e demandantes de asilo repele a conciencia de calquera persoa demócrata e pon de relevo o nulo valor que para as elites gobernantes no continente teñen os dereitos humanos. Non hai dúbidas de que o acordo vulnera mesmo a lexislación comunitaria -a Convención Europea dos Dereitos Humanos- e ten todo sentido que fose duramente atacado por ACNUR, a axencia da ONU dedicada aos demandantes de asilo.

Na imprensa española tense censurado o acordo mesmo desde órgaos de opinión da dereita mediática  mais nas críticas brilla pola súa ausencia toda alusión ás responsabilidades europeas na xénese dos acontecementos -nomeadamente o conflito armado en Siria- que teñen resultado no desprazamento forzado, na expatriación, de millóns de persoas.

O dereito de asilo é un dereito individual, inalienábel, en ningún caso pode ser suxeito a transacción nin a troca

A maior parte dos Estados da UE -a comezar por Franza e o Reino Unido- teñen importantes e pesadas responsabilidades na situación de emerxencia humana que se está a producir na Siria. E xa non digamos Turquía, socio dos europeos e dos norteamericanos na OTAN, un Estado que non só masacra o pobo kurdo, senón que mantén unha relación de complicidade co Daesh. Non é aceptábel que se expulse de solo comunitario persoas que foxen dun conflito bélico alimentado polas mesmas potencias europeas que asinan tales acordos.

Non hai democracia merecente de tal nome se non se respectan os dereitos humanos esenciais das persoas, entre eles o dereito de asilo, peza basilar dos avanzos civilizatorios que, mal que ben, se abriron paso no século XX. O dereito de asilo é un dereito individual, inalienábel, en ningún caso pode ser suxeito a transacción nin a troca. Turquía, alén de máis, vai obter miles de millóns de euros pagos polas contribuíntes e os contribuíntes europeos -galegas e galegos incluídos- a cambio de se converter nun xigantesco campo de concentración de refuxiadas.

E, como fondo, contemplamos con preocupación como esta crise se desenvolve paralela ao crecemento de partidos racistas, xenófobos e parafascistas na UE.

Comentarios