Opinión

A monte

[María Obelleiro]

Así é como está a maior parte da superficie da Galiza: a monte. Os datos publicados polo Ministerio de Agricultura volven certificar que Galiza é un dos territorios da Unión Europea que menos terra pon a disposición do sector agrario para producir alimentos. Dinamarca ou Irlanda destinan ao cultivo máis do 60% da súa superficie total, unha porcentaxe que Galiza dedica á masa forestal (a media no Estado sitúase no 38,4% e a media da Unión Europea no 38,6%) que, na súa maior parte, permanece no abandono, a monte, sen ningún tipo de planificación, converténdose nunha polvoreira para os incendios.

Á vista das cifras achegadas pola estatística elaborada polo Ministerio de Agricultura non estraña a dificultade que atravesa o sector agrario para acceder á terra e, en consecuencia, para un uso produtivo da mesma. O desexábel sería equilibrar os diferentes usos do monte para camiñar cara a un monte multifuncional, mais hoxe o monte é practicamente monofuncional, sobre todo, para o negocio vinculado co eucalipto, que atinxe máis de 500.000 hectáreas. E a celulosa que Altri planifica na Ulloa requirirá aínda de máis eucaliptais para fabricar a pasta que derivará no famoso lyocell. De verdade queremos iso?

Comentarios