Opinión

Non esquezamos o outro 11 de setembro

Os vinte anos dos ataques contra as Torres Xemelgas na cidade de Nova York e contra o Pentágono no Estado de Virxinia viñeron acompañados da derrota dos EUA e os seus aliados da OTAN no Afganistán. E desde hai días trasládasenos o relato oficial sobre ese feito histórico, un relato que busca convencernos de que até o 11 de setembro de 2001 o mundo era un lugar tranquilo e seguro, e como consecuencia deses atentados entramos nunha nova etapa, etapa de medo e inseguridade provocados por uns terroristas que, empregado a relixión como bandeira, teñen por obxectivo impoñernos unha ditadura baseada nunha visión rigorista do Islam.

Sobre os atentados do 11-M de 2001 pesan aínda moitas interrogantes que tardarán en ser despexadas ou incluso para algunhas nunca obteñamos resposta. Non hai dúbida de que a morte de 2.996 persoas segundo fontes oficiais, e a transmisión a todo o mundo practicamente en directo das imaxes das Torres Xemelgas caendo provocaron un impacto emocional de dimensións planetarias, impacto que foi amplificado durante os últimos vinte anos por atentados noutros países. 

Pero a morte e o terror sementados por Al Qaeda, Al Shabaab, ISIS etc... son unha insignificancia comparados coas mortes provocadas en Afganistán, Iemen, Iraq, Libia, Siria etc.. froito das intervencións militares dos EUA e a OTAN; intervencións que tendo como escusa a defensa da liberdade regaron de sangue eses países.

Pero na historia contemporánea non houbo un único 11 de setembro de morte e destrución. Vinte e oito anos antes das Torres Xemelgas houbo outro 11 de setembro sanguento, cando o exército chileno puxo fin a canonazos ao goberno da Unidade Popular; un goberno que presidido polo presidente Salvador Allende levaba tres anos tentando construír un Chile máis xusto, poñendo en marcha unha reforma agraria, nacionalizando o cobre, aplicando importantes políticas sociais e despregando unha política externa independente.

A oligarquía chilena e os EUA non podían permitir que un éxito das políticas da Unidade Popular servira de exemplo a outros países da rexión; as actuacións desestabilizadoras dirixidas pola CIA empezaron aos poucos meses da toma de posesión de Allende, e remataron co bombardeo do Palacio das Moeda un 11 de setembro; dando paso a un réxime ditatorial encabezado por Augusto Pinochet, que iniciou unha planificada operación de exterminio de dirixentes políticos e sociais. O emblema da ditadura foi o estadio de Santiago de Chile convertido nun campo de concentración; e a morte de Salvador Allende e o martirio do cantautor Víctor Jara convertéronse co tempo en símbolos de loita, pero non debemos esquecer as miles de mortes ou desaparicións e as ducias de miles de persoas torturadas salvaxemente.

Poucos meses despois do 11 de setembro chileno iniciouse a que se considera primeira experiencia de aplicación a un estado dos principios que conforman o neoliberalismo; executada por un grupo de economistas chilenos formados na Escola Económica de Chicago, e que seguían a máxima de que “o mercado sempre acerta” acuñada por Milton Friedman.

Se o 11 de setembro de 2001 inflúe hoxe de xeito importante nas nosas vidas, considero que o 11 de setembro de 1973 faino aínda moito máis. Van alá corenta e oito anos, e os principios neoliberais aplicados en Chile puxéronse en práctica con man de ferro na Gran Bretaña por Margaret Thacher, impoñéndose despois en todo o mundo capitalista.

As políticas aplicadas por PSOE e PP no Estado español desde 1982 beben dese neoliberalismo; economía de libre mercado, privatizacións, equilibrio fiscal ou primacía da xestión privada fronte á pública baixo a escusa da rendibilidade son exemplos coñecidos.

Chile semella que espertou e hai moitas posibilidades de rachar co sistema creado a partir do modelo da “transición española”, pero se esquecemos aquel 11 de setembro de 1973 gañará quen busca impoñer o relato de que os EUA son a vítima.

Comentarios