Opinión

Escocia votou e avanzou

Onte perto de 4,3 millóns de escoceses e escocesas con máis de 16 anos tiñan  a oportunidade de exercer mediante o voto o dereito democrático a decidir sobre o futuro da súa nación, un dereito democrático que no estado español non se permite.

Onte perto de 4,3 millóns de escoceses e escocesas con máis de 16 anos tiñan  a oportunidade de exercer mediante o voto o dereito democrático a decidir sobre o futuro da súa nación, un dereito democrático que no estado español non se permite. A participación foi moi grande cun 85%  do censo electoral exercendo ese dereito e maioritariamente decidiron que Escocia se manteña como parte do Reino Unido da Gran Bretaña.

"Non debemos esquecer que hai dous anos ninguén daba un peso pola consecución da independencia e maioritariamente considerábase que o referendo sería un paseo militar do unionismo". 

Haberá tempo para reflexionar sobre este resultado e estudar o proceso que se abriu cando o primeiro ministro David Cameron aceptou en outubro de 2012 no Acordo de Edimburgo ceder ao goberno escocés a capacidade legal para celebrar a consulta, unha decisión que o primeiro ministro conservador adoptou ao considerar que non corría perigo a unidade do estado seguro dunha vitoria por goleada fronte ao independentismo, unha vitoria que lle permitiría asegurar a unidade do estado británico ao tempo que el melloraba a súa imaxe pasando a ser considerado un estratega e un gran demócrata por permitir a realización da consulta.

Sendo innegábel o resultado de onte contrario a quen defendían a constitución de Escocia nun estado independente non debemos esquecer que hai dous anos ninguén daba un peso pola consecución da independencia e maioritariamente considerábase que o referendo sería un paseo militar do unionismo. 

A do Yes Scotland foi unha campaña de base fundamentalmente popular e foi iso o que lle permitiu sumar  pouco  a pouco os apoios que permitiron chegar até aquí, ese resultado de case un 45% de apoio cunha participación de máis do 86% do censo non se tería producido de termos estado diante dunha campaña ao uso na que a defensa do SÍ correra a cargo unicamente do SNP e do goberno de Alex Salmond. Foi esa campaña de base popular cunha grande participación a que fixo tremer os cimentos non só do poder político do outrora imperio británico, senón tamén da city londinense, de moitas multinacionais, dos gobernos da Unión Europea e do propio emperador Obama, pois todos eles tiñan claro que en todo proceso político o perigo está en que a xente adquira conciencia e participe directamente. 

A campaña polo SI deu esperanza e ilusión a millóns de escoceses e escocesas en que podían construír unha sociedade máis xusta que a actual nun estado propio e tamén abriu unha porta á entrada de aire fresco nunha Unión Europea afeita a que aquí non se move nada sen que o teñan decidido quen mandan, e na que as independencias só se permiten se sirven para fortalecer este sistema opresor. Por contra a campaña do NON centrouse sobre todo no discurso do medo e nun rancio conservadorismo.

"Gañaron outras duas batallas moi importantes, a da participación democrática e a de conseguir articular un importante movemento de base popular que pode ser o que lles permita acceder antes do que pensamos ao soño de todo povo"

Escocia falou, agora toca mover ficha ao unionismo e tendo en conta as súas declaracións e promesas, cando estaban asustados polo avance dos partidarios da independencia nos últimos días de campaña, de maior autogoberno para Escocia non lle vai quedar máis remedio que cumprir esas promesas e negociar co goberno escocés as medidas que garantan ese maior autogoberno. Veremos cando e como se produce ese movemento de ficha porque aínda queda moito camiño por andar e o soberanismo escocés que non acadou o obxectivo final arrincoulle ao unionismo algo que non aparecía na pregunta dado que esta era simplemente “Debería Escocia ser un país independente?” sendo as únicas respostas posíbeis SI ou NON.

Onte Escocia exerceu un dereito que nos é negado a Galiza, Euskal Herria e Catalunya, e todos aqueles que nestas últimas semanas machacaban co discurso de que a situación na Gran Bretaña non ten nada que ver coa do estado español e por tanto o referendo escocés non se podía comparar coa consulta catalana prevista para o 9 de novembro veñen de mudar rapidamente ese discurso poñendo o acontecido onte en Escocia como exemplo para Catalunya. Vaiamos preparándonos para a enxurrada de ataques contra quen defendemos o dereito de Galiza a decidir o seu futuro e sobre todo contra o proceso co que o povo catalán quere exercer ese dereito en novembro. Sucederanse ameazas aínda maiores que as lanzadas nos últimos días sobre suspensión da autonomía catalana, e ademais os inimigos do dereito democrático dos povos a decidir o seu futuro teñen un argumento poderoso no artigo 8 da Constitución herdada do franquismo "As Forzas Armadas, constituídas polo Exército de Terra, a Armada e o Exército do Aire, teñen como misión garantir a soberanía e independencia de España, defender a súa integridade territorial e o ordenamento constitucional."

Os meus parabéns ao povo escocés polo exemplo que deu onte, é certo que perderon a batalla de acceder á independencia “de momento” como dixo esta mesma madrugada Alex Salmond pero gañaron outras duas batallas moi importantes, a da participación democrática e a de conseguir articular un importante movemento de base popular que pode ser o que lles permita acceder antes do que pensamos ao soño de todo povo que é, en palabras que lin hai uns días nun chío, o de “poñer unha nova estrela de liberdade no firmamento”.
 

Comentarios