Opinión

O domingo 14 non hai escusa

O vindeiro domingo S.O.S.-Sanidade Pública convoca os galegos e galegas a manifestarnos en Compostela, na defensa da sanidade pública e en concreto na defensa da Atención Primaria. 

Diante desta convocatoria é bo botarmos a vista atrás, non a moitos anos atrás senón a un pasado moi recente, un pasado que está á volta da esquina; refírome a hai un ano ou ano e medio como moito, nos momentos máis duros do confinamento e cando o pico da pandemia estaba no alto; daquela era unánime entre a cidadanía cualificar a quen traballaban na sanidade pública como heroes e heroínas, heroes e heroínas que se interpoñían entre nós e a Covid-19, entre nós e unha morte que víamos como nos visitaba día tras día.

Naqueles días os medios de comunicación popularizaron unha cita na que participaron en Galiza centos de milleiros de persoas; convocábannos ás oito da tarde todos os días, a asomarnos a fiestras, varandas e portas das nosas vivendas durante as semanas de confinamento estrito; unha cita que se ampliou ás prazas e tamén a concentracións diante dos hospitais, cando as circunstancias permitiron un maior movemento, aínda que sempre gardando as distancias de prevención.

Nesa cita das oito da tarde instábannos a aplaudir durante uns minutos a aqueles heroes e heroínas da sanidade pública polo esforzo sobrehumano que estaban a facer; o certo é que as imaxes eran impresionantes, e semellaba que a grave situación social e sanitaria derivada da pandemia tiña producido un efecto multiplicador, levando á maioría da poboación a adquirir conciencia da importancia de contarmos cun servizo público tan básico como é o da sanidade.

Estamos xa en novembro de 2021, quedaron atrás os momentos máis duros e agardemos que non volvan; pero pese aos golpes no peito da Xunta de Galiza e ás horas e horas de publi-reportaxes nas que Núñez Feijóo e o Conselleiro de Sanidade falan dos avances en canto á atención sanitaria, o certo é que o Partido Popular está aproveitando a actual situación para afondar na súa estratexia de degradación e privatización do servizo sanitario público.

O mantemento das consultas médicas telefónicas, as colas diante dos centros de saúde, as listas de espera, e as “informacións” dicindo que o impedimento fundamental para non volver á atención médica presencial é que non hai médicos, non son casualidades; forman parte dunha moi estudada liña de comunicación. Unha liña de comunicación que aproveita o aumento da preocupación entre a poboación ao respecto do coidado da saúde; unha liña de comunicación que ten como obxectivo encher as contas de beneficios das aseguradoras e da sanidade privada.

O número de persoas que nestes meses de pandemia teñen feito un seguro privado aumentou de xeito exponencial, sendo proba do auxe desas empresas que trafican coa saúde a cantidade de locais comerciais ocupados na actualidade por aseguradoras sanitarias en todas as cidades de Galiza, e a publicidade que pagan diariamente nos medios de comunicación.

O coidado da saúde, que antes da pandemia moitas persoas non o tiñan entre as súas prioridades, hoxe si que o é; pero o camiño para garantir a cobertura desa necesidade non pasa pola saída individual de quen ao mellor ten posibilidade de, apertando un pouco máis o cinto, pagar a cota mensual dun seguro médico privado, asumindo como fatalidade que as consultas telefónicas ou as colas diante dos centros de saúde viñeron para quedar.

Aqueles medios de comunicación que incitaban a aplaudir aos e ás profesionais do servizo sanitario público, hoxe maioritariamente calan e non lle dan a publicidade que merece á reivindicación dunha sanidade galega pública de calidade. Esta é, na miña opinión, razón suficiente para que quen participou dos aplausos vaia á manifestación do vindeiro domingo; para demostrar así que o aplauso non era unha actuación hipócrita, senón un verdadeiro recoñecemento ao labor dos e das traballadoras da sanidade pública, e un auto-recoñecemento como sociedade avanzada, unha sociedade que esixe e defende os seus dereitos.

Comentarios