sábado 25.01.2020

18 e 21 horas, é recuperar dereitos

Diante do debate que ten provocado nos centros de ensino a convocatoria de folga do vindeiro xoves día 12 hai persoas que din que non paga a pena mobilizarse, pois as nosas reivindicacións nos son entendidas e ademais a administración non fai caso. E tamén hai quen cuestionan a utilidade de unha folga de un día chamando a unha mobilización indefinida.

Desgraciadamente ambas posturas, aínda semellando opostas, reflicten unha mesma actitude, a do pesimismo no que levamos instalados e instaladas desde hai tempo; pesimismo propio dun tempo no que a idea do esforzo e das conquistas sociais están a ser varridas por outras ideas moi perniciosas, “as cousas son así porque si”, “quen se mobiliza só quere privilexios ou faino por montar lío”, “non paga a pena moverse”, “total para que?”, “non te metas en líos”, “son todos iguais”....  

Que se pide o día 12?

O día 12 reclamamos a recuperación do horario lectivo que tiñamos antes da crise, 18 horas en secundaria e 21 en primaria, un horario que se nos ampliou en 2011 coa escusa da crise económica, coa ladaíña de que éramos uns “privilexiados e privilexiadas”, e por tanto debíamos asumir os recortes. Uns recortes que se nos dixo que eran temporais e desaparecerían cando esta rematara. Pois, hai xa dous anos que Núñez Feijóo dixo que superamos a crise, grazas sobre todo á capacidade de xestión do seu goberno; por tanto o prometido é débeda.

O día 12 pedimos unha reordenación dos nosos tramos horarios, de xeito que poidamos realizar outras funcións que son básicas para podermos desenvolver mellor o noso traballo.

O día 12 non pedimos traballar menos, o noso horario seguirá sendo de tinta e sete horas e media; o que pedimos é poder traballar mellor, ter horas para unha mellor atención ao alumnado.

O día 12 estamos defendendo que haxa máis profesorado nos centros, para poder facer desdobres e agrupamentos, non seguir impartindo materias para as que non temos competencia, atender ao alumnado de xeito máis individualizado.

O día 12 pedimos que a Consellería de Educación sente a negociar un calendario para recuperar un dereito, algo acordado xa noutras partes do estado.

Porqué hai que mobilizarse?

Hai que mobilizarse  sobre todo porque debemos ser coherentes coa nosa práctica diaria, e se nas nosas aulas tentamos que o alumnado asuma que as cousas só se conseguen co esforzo, debemos aplicarnos iso tamén nós.

Hai que mobilizarse porque os dereitos que temos non nolos agasallaron; cada dereito, cada avance social da humanidade foron froito da loita e do esforzo de persoas que crían no avance social.

Hai que mobilizarse porque convocan todas as organizacións sindicais con presenza no ensino, e por tanto a escusa da falla de unidade desta vez non vale.

Hai que mobilizarse porque esta convocatoria de folga de non darse por aludida a Consellería, debe ser o inicio dun calendario de accións máis contundentes, contra quen até o de agora mostrou xordeira e desprezo diante de reivindicacións xustas do profesorado galego.

Hai que mobilizarse porque sendo certo que perderemos un día de salario, ao noso redor temos multitude de colectivos de traballadores e traballadoras que cando fan folga o que poden perder é o posto de traballo, e iso non fai que desistan de mobilizarse na defensa das súas xustas reivindicacións.

Hai que mobilizarse porque calar ou quedar na sala de profesorado queixándose  do mal que nos tratan non é solución; e un fracaso da folga daría argumentos a unha administración que ten por obxectivo o derribo do ensino público e seguir reducindo os nosos dereitos.

E sobre todo hai que ir á folga o día 12 e participar na manifestación para botar por terra esa idea tan interiorizada de que somos un colectivo “privilexiado”, defendendo os nosos dereitos como traballadores e traballadoras estamos defendendo o ensino público. Os dereitos non son privilexios.

18 e 21 horas, é recuperar dereitos
comentarios