Opinión

Materialismo e intemperie

Escribiu Aresti, apelando á épica da pequena explotación rural, "Defenderei / a casa do meu pai. / Contra os lobos, / contra a seca, / contra a usura, / contra a xustiza, / defenderei / a casa / do meu pai". É a xínea glosada por Novoneyra: "Non coma as estirpes dos reis / ciscadas en múltiples pazos e alcázares / e países diversos / senón as estirpes campesiñas / xeraciós e xeraciós / xuntas á porta das casas pechadas / na escaleira de pedra / ou nas raigañas fóra dunha árbore coma esta".

No poemario Materia (Xerais, 2022), Yolanda Castaño négaos: "Non defenderei a casa dos meus pais. / Nin contra os lobos nin a seca nin a usura. / Porque nacín no ensanche dunha cidade arroiada / e tivo que venderse e non era súa, ao final". A desacralización é total. A urbanita de clase traballadora desprendeuse da memoria labrega, aínda que moito proletariado trouxese canda el –como a Narda de Antón e os inocentes (Méndez Ferrín, 1976)– aquel universo mental.

Lisón Tolosana sinalou que a Galiza tradicional celebraba ritos como deixar unha moeda debaixo da primeira pedra da casa, ou mesturar os alicerces con sangue dun animal sacrificado. "A casa –dicía– ten unha personalidade moral que non posúe ningún dos seus compoñentes individualmente". É un xeito de pensar alleo á atomización capitalista. E si, tamén era un ethos que contiña a súa parte opresiva. Mentres que a casa "está vitalizada, personalizada", di o antropólogo, os seus compoñentes están "acasarados".

Se de algo saben as mulleres é do problema de estaren acasaradas. A loita contra o corsé familiar constitúe o abc feminista. Un cuarto de seu é, en realidade, unha casa de seu. E ese fondo liberador percíbese nos versos de Yolanda Castaño: "Se hai algunha relación entre útero e familia / habería que estampala contra ese muro de cemento". A ruptura coa inercia do costume que rabena a realización persoal foi a forza propulsora do liberalismo revolucionario. Pero hai moito que iso é historia. O realismo capitalista consiste nunha grande intemperie sen lugares sagrados. Unha paisaxe inhóspita de casas sen xente e xente sen casas onde a transcendencia é un privilexio. Se cadra por iso, Pilar Pallarés, quen tamén dedicou un poemario, Tempo fósil (2018), á perda da casa proletaria, sentenciou, contra o materialismo espido de memoria, "Viron como caía a casa, / como gabeaba polos montículos de entullo a ausencia / e esvaecían todas as voces coñecidas. / Pior que o frío e a fame, o desamparo".

Comentarios