Opinión

Guerra e corrupción

Partimos da seguinte máxima: a corrupción é incompatible coa democracia pero non co capitalismo. A diferenza entre a corrupción e o funcionamento normal do capitalismo é unha cuestión de grao. En concreto do grao de descaro. Outra máxima: a guerra é a corrupción a escala industrial e o recurso do capital para reproducirse. A soldado Margarita Robles avisa de que se está a xestar unha guerra que a sociedade non asume (e para iso están activándose as Margaritas Robles nos media).

A última guerra (ou algo así) na que estivo o Estado español foi contra o virus da Covid-19. A posta en escena militar disciplinou unha poboación en shock perante un evento inédito. Nesa "guerra" contra a curva, agora estámolo sabendo, houbo algúns emprendedores que se fixeron de ouro ilicitamente vendendo máscaras. O que se chama aproveitar unha vantaxe competitiva mentres a poboación está asustada.

Antes, na guerra de Iraq, o ego de Aznar inmisciu España no gran calote das armas de destrución masiva de Sadam Hussein. A corrupción viña de seu: tratábase de destruír un país cheo de petróleo para "reconstruílo" con contratos de explotación. O atentado xihadista en Madrid foi a vinganza por ese latrocinio aplicada, por desgraza, no cu das clases traballadoras madrileñas. Aínda máis atrás no tempo, na guerra do Rif, tan detestada pola poboación que non eran poucos os quintos que desertaban, o Borbón e algúns xerifaltes enriquecíanse vendendo armas ao inimigo mentres os mozos caían coma chinches.

A desfachatez política aparece sempre despois dun proceso demorado de desfachatez intelectual. Sánchez Cuenca escribiu sobre a desfachatez intelectual [La desfachatez intelectual, Colección Mayor, 2016]que acompañou o aznarismo e que aínda reina. O PP de Miguel Ángel Rodríguez e de Paula Prado bebe de aí. Mais o PP non acusa electoralmente a corrupción: as dereitas asumen que capitalismo e corrupción vén sendo o mesmo. Nos 80-90, á desfachatez política que desembocou en corrupción rampante precedeuna anos de desfachatez intelectual: novo riquismo, amnesia e banalidade. O felipismo converteu en crematística o plus de lexitimidade que lle dera o antifranquismo. O problema teno agora o PSOE de Pedro Sánchez. E a democracia: pouco a pouco veremos máis Margaritas Robles queréndonos convencer da bondade de que o Estado español participe na guerra que a OTAN emprendeu contra Rusia e China. Será esta a nova xeira de desfachatez intelectual que preceda á desfachatez política. E á corrupción.

Comentarios