Opinión

Casorio na Corte

Dixo Andrea Levy, cargo do PP na etapa de Casado, que o poder no Estado español non o exercen só os políticos, senón todo tipo de corporacións –de empresas a clubs de fútbol– asentadas en Madrid. Só lle faltou completar: o poder tamén se exerce nos casorios da Corte. 

No ano 2002, a voda da filla de Aznar puxo o epílogo a unha época. Imperaba o meigallo inmobiliario e Aznar gozaba da súa maioría absoluta sen dependencia dos pérfidos nacionalistas. Eran tempos de bonanza nos que os Borbóns interpretaban á familia exemplar, pero nos que a mutación do milagre económico en crise e o regreso da dereita a posicións chulescas asomaba a pata. O Escorial foi un conclave de "homes de negocios" que non tardarían en pasar polo xulgado. O broche para unha burguesía novorrica con ganas de ennobrecerse e o disparo da madrileñización económica e da política que abriría en canal o problema nacional.

A voda do alcalde de Madrid tamén pretende, aínda que cheire a naftalina, converterse nun fito: o prólogo a unha nova etapa de goberno central encabezado por Feijóo. Á voda asistiron crápulas da época escurialense e personaxes turbios da etapa de M. Rajoy. Cabe pensar que tamén se deron cita na rúa Serrano novas xeracións de entrepeneurs cuxas andanzas coñeceremos tempo andado. O desastrado chotis que bailaron os noivos exemplifica o significado desta nova dereita. A diferenza da dereita posfranquista, que tentaba sofisticarse para ocultar o pasado, a alt-right altaneira pero sen clase, elitista pero populacheira, folcloriza o seu garrulice ante a cámara. A celebración do feo vai acorde cos novos tempos de calzón quitado que vive a Internacional Reaccionaria. A performance de Isabel Ayuso disfrazada de Carmen e mais do Borbón vello normalizando a súa presenza no Estado español co beneplácito dos media, pon o ramo á estética goyesca (o Goya das pinturas negras o do retrato da familia de Carlos IV) que triunfou no vestiario dos convidados. Velaquí o limiar da España de Feijóo: a dunha dereita vallinclanesca que só usa a maquillaxe para esaxerar os seus trazos. 

Nada indica que esta xente vaia celebrar gran cousa nas vindeiras eleccións vascas e catalás, pero o acatamento de Alfonso Rueda, que adiou a investidura do Goberno de Galiza para non eclipsar a voda do alcalde madrileño, evidencia que o vindeiro presidente da Xunta está encantado co xeito centrípeto en que –como ben se decatou Andrea Levy– se exerce o poder no Estado español.

Comentarios