Opinión

Bágoas de falcón

Un promotor inmobiliario australiano lembra á clase traballadora que son os empresarios quen mandan. O abc da loita de clases. O falcón esixe xerar dor na economía e que o risco do desemprego masivo discipline uns operarios supostamente envalentonados (enténdese que fala para o seu país, nestes pagos o desemprego estrutural é marca da casa).

O vídeo no que o executivo se expresa con crueza indigna a calquera cunha sensibilidade superior á dun croio. É prosa de combate e ao combate chama. Nada que non soubesen Augusto Pinochet, Margaret Thatcher ou Felipe González.

Menos indignación suscitou o canonazo televisivo de Christine Lagarde desde a pacificada praza do Obradoiro. A enésima suba dos tipos de xuro anunciada pola directiva desoe as ideas da economista Isabella Weber sobre a inflación como consecuencia do enorme poder con que conta o capital monopolístico para repercutir a suba dos prezos ás mercadorías sen que isto ameace os beneficios.

O aumento da inflación non só non dependería da suba dos salarios –da capacidade de compra das maiorías– senón que sería froito –leo nun artigo sobre as ideas de Weber– da capacidade acumulada polo capital para neutralizar as medidas de tipo socialdemócrata tendentes a equilibrar un chisco a balanza a favor dos de abaixo.

A socialdemocracia leva en coma tanto tempo como os cascotes do muro de Berlín no chan, pero o papel do BCE na crise do euro xa nos mostrou con claridade a parcialidade dese organismo. Por entón, a anulación dun posible desafío dos pardais aos falcóns levouse a cabo combinando o veto á compra directa de débeda pública polo BCE co terrorismo das axencias de cualificación.

Hoxe, que vivimos a resaca daquela impotencia, conformámonos cunha aritmética parlamentaria sen maioría da extrema dereita, puro contencionismo sen horizonte, mentres a inefable Nadia Calviño nos explica na TVG (en perfecto castelán) as bondades das medidas tecnocráticas.

Por debaixo de todo isto, pero sen que se acabe de albiscar toupa ningunha a cavar en silencio, unha muller pensionista coloca a súa compra no mesado da caixa de cobro do súper. Destacan dúas botellas de aceite de xirasol e o desinfectante máis económico do andel. As pensionistas dos barrios populares son o mellor termómetro. Pardais que van tirando mentres absorben estoicamente, como os contrafortes das igrexas, o incremento de peso que deitan as bágoas de falcón sobre os seus ombreiros.

Comentarios