Opinión

A porca terra

A conversión da terra en mercadoría é unhas das características do que Polanyi chamou a «Gran transformación»: a colonización da sociedade polo mercado. O estudo A riqueza en España, 1900-2014. Un país de dúas terras (2018) pon datos ao intuible: a finais dos 50 iníciase a conversión masiva da terra agraria en urbanizable. Para os autores, eses usos da terra son claves para explicar a acumulación de riqueza no Estado, en detrimento de factores como as infraestruturas, equipos ou maquinaria. Como se a concentración de capital saltase aquí, sen solución de continuidade, dun momento rendista preindustrial a outro rendista postindustrial (dos dezmos e foros ás hipotecas e alugueiros); sendo algo anecdótico a base industrial. 

Esta imaxe explica moitas cousas: o tipo de burguesía-Ancien Régime predominante (a diferenza da vasca ou catalá); o franquismo sociolóxico; as alegres reconversións industriais para entrar na CEE; a nula aprendizaxe do crac de 2008; o alto desemprego estrutural; a polarización xeracional; o uso da Constitución como dique antidemocrático; o enroque monárquico; o Madrid neoliberal como aspirador de recursos; a agudización do problema nacional; o carácter estruturalmente progresista dos nacionalismos subestatais…

Canto a Gz, cabe preguntarse se o noso reparto da terra inflúe na resistencia, polo menos ata agora, a esta nova dereita con modos de señorito latifundiario e tan parásita coma os encomendeiros americanos que, a diferenza dos seus homólogos protestantes, medraban sen traballar. O xeógrafo Xosé Constenla sinalaba a raizame antropolóxica da propiedade da terra coma un freo á especulación. Sería de interese un estudo específico.

Así e todo, o tema inmobiliario constitúe unha das clivaxes políticas fundamentais en todo o Estado. De aí a elocuencia da recente votación no Congreso, na que o PSOE se aliñou con PP, Vox e Ciudadanos en contra da lei de garantía a unha vivenda digna impulsada por sindicatos e colectivos sociais. 

Se «Bloque histórico» era para Gramsci o conxunto complexo e contraditorio da superestrutura político-xurídica-ideolóxica en tanto que reflexo do conxunto de relacións sociais de produción, a votación sobre a vivenda no Congreso permite fixar con gran claridade que partidos son orgánicos ao Bloque histórico dominante no presente. Isto é, que partidos defenden, en última instancia, o mesmo modelo produtivo e de Estado. Todo o demais é xestualidade, propaganda, actuación. Antifascismo de spin doctor.

Comentarios