Opinión

Recollendo froito

Xa veñen de tempo as moitas reivindicacións.Tamén agora a Deputación de Lugo diríxese ao Goberno en Galicia (x3) para que declare o 17 de agosto día da Galiza Mártir. Unha chamada que non debe cansar e que oxalá fose a última. De facelo, significaría exemplo de sensibilidade. Que aire novo circularía. Que achega exemplar para sandar tantas feridas fondas feitas por quen provocaron unha guerra que truncou unha República. E o silencio non procede (é cómplice). Tampouco se pode apagar a historia. Iso é inaceptable.A verdade non se dilúe.

Hai que romper coa amnesia, pois as e os nosos mártires militaron e traballaron na ilusión do futuro polos (e nos) acertos sociais, educativos e culturais. Non se poden ocultar, nin minimizar, que se saiban e se relaten, para que se emende a desmemoria: Non foron proclamas, nin titulares, e si feitos, realidades, pois xa está ben de ofender a memoria colectiva nosa. Memoria da que fan carniza certos bechos ilustrados e que logo se lavan entre lodos nos puríns mediáticos con mentiras e comenencias, cando non patean o tabuleiro do xogo para que salten as fichas polos aires, que ben á vista está que mentres unhas vítimas teñen prazas e rúas, outras nin xuízo. Non son recoñecidas social, xurídica e institucionalmente. A memoria ten que se incorporar á nosa historia. Iso define o noso progreso democrático.

Sería ben , e recollendo froitos, que na idea da de Lugo, sexan as catro deputacións quen lle pedisen ao Goberno en Galicia (x3) a declaración oficial do 17 de agosto día da Galiza Mártir. Non podemos ir cara a adiante sen mirar para atrás.

Comentarios