Opinión

Canto para negocio

Temos en Galiza moito que sachar para facela mellor. A clase política gubernamental non se move moito para manterse na foto. Prefiren non incorporarse, nin tentar facelo doutra maneira e si conservarse na compracencia que lle outorgaron maiorías electorais.Nada de políticas máis firmes, estables, efectivas. Nada de intervencións, nin  investimentos públicos que proporcionen seguridades vitais e recursos fundamentados. Mellor que a nosa casa ( GZ) sexa un edificio vulnerable. Por iso as cousas que nos preocupan non poden seguir nas mans dos de sempre.

E no preocupante de raibosa actualidade política,temos as estradas e as vivendas. Elas dúas un dereito. Unhas para usar sen peaxes e as outras para vivir dignamente. Nunca un negocio. Pagar polo uso das estradas conleva un contrasentido, pois xa o fixemos. Pagar por andalas moito é igual que pagar por usar máis a sanidade por precisalo. Sempre os “paganos”. Outro tanto pasa coas vivendas. Para nós un problema que empeora. Non queremos entender que as casas son para vivir dignamente. Nin unhas, nin as outras, están para render dividendos.Nada de cifrar caixa á conta de limitar dereitos fundamentais . As mans dos especuladores non poden agolarnos. E velaí veñen en voares baixos, co consentir dos políticos gubernamentais, os fondos voitres na busca de carnaza. A depredación como forza motriz. Menudos alboroques xa se largan. Para entender estes negocios consentidos non é preciso ir á universidade. Velaí o mercadocapital en acción. Debemos loitar polos servizos públicos? E pola decencia? Por que se votan a quen recortan dereitos?

Comentarios