Opinión

O cerco manda un SOS : “Feijoo quere despezar a nosa flota"

A Asociación de Armadores do cerco ven de lanzar un SOS reclamando auxilio para esta  flota composta por 153 unidades que vai a pique.

A Asociación de Armadores do cerco ven de lanzar un SOS reclamando auxilio para esta  flota composta por 153 unidades que vai a pique. Elo é debido  ao modelo pesqueiro imposto pola UE, compartido polo Estado español e consentido pola Xunta de Galiza que realiza un reparto do dereito a poder pescar non en función das unidades pesqueiras nin dos mariñeiros se non en función do peso político dos estados ribeiregos, que no caso da xarda correspondéndolle  ao Estado español un 7% do total da UE, cando Galiza ten máis flota que Portugal e Irlanda xuntos. 

"A Asociación de Armadores do cerco ven de lanzar un SOS reclamando auxilio para esta  flota composta por 153 unidades que vai a pique". 

Con estas cotas o Estado español mantén o reparto entre os diferentes segmentos da flota (arrastre, cerco, outras artes) pero ven de modificalo no caso do cerco e doutras artes distintas entre as comunidades costeiras en función duns supostos dereitos históricos que concentra nas grandes embarcacións e nas comunidades orientais (Euskadi e Cantabria) as escasas capturas quedando sen posibilidades de pesca o país que maior  número de barcos ten.

Este novo modelo de reparto que está a impor o Estado, coa indecente colaboración da Xunta,  está a modificar drasticamente o modelo vixente nestes últimos anos, introducindo  que a xestión do dereito de pesca  se realice de forma individual. Son as denominadas ITQs que xa están implantadas na pesqueira do arrastre de fondo e nas volantas e no palangre de fondo para a pescada.

Coa actual normativa do arrastre  xa se están a transferir as cotas de pesca, véndense ou intercámbianas xerando un enorme mercado negro para conseguir dereitos suficientes e garantir a rendibilidade dos barcos. Antes a cota era do Estado, agora é dos armadores e poden negociar con ela.

"Acerga ven de solicitar por segunda vez unha entrevista co presidente Nuñez Feijóo para trasladarlle esta situación dramática e ameaza con unha manifestación o 14 de marzo si o presidente non os recibe". 

Fai dous anos un barco galego do cerco estaba sometido a un tope de capturas diarias que no caso da sardiña ou da xarda eran de 7.000 quilos/día, de xouba 500 quilos/día,  do xurelo de 6.000 quilos/día e de bocarte chegaba aos 10.000 quilos/día. Daqueles 7.000 quilos/día de xarda, pasamos a 19.522 quilos para toda a campaña si estes se repartisen linealmente entre o número de barcos galegos, xa que a  toda a flota do cerco galega nos tocan 2.987 ton. Pola contra un barco guipuscoano sáelle unha media de 107.048 quilos. 

A xarda si lle sumamos o xurelo, que baixou un 26% no Cantábrico, a sardiña que está sometida a un plan de recuperación ou que nos quedamos sen cota do bocarte na zona Atlántica é fácil comprender a dificultade deste sector para  enfrontar esta campaña e o futuro pois mírese por onde se mire é imposible aguantar un barco coa súa tripulación con estas ridículas cotas. A única maneira é mentindo e andando a escapar. E xa está ben de non poder traballar con tranquilidade e dignidade!

Ante a negativa de Acerga de non aceptar este novo modelo, o Goberno español ven de publicar o borrador de cotas individuais onde aumenta o número de barcos que optan pola xestión individual a 39 buques, algúns de pequeno tamaño, cunhas cotas de 3.388 quiloso que evidencia o aumento da presión. Con uns criterios escurantistas veñen  de aumentar as cantidades para os buques de xestión individual sobre a colectiva e de anunciar que a xestión colectiva realizou sobre pesca o ano pasado, como si non fosen eles os que controlan as aperturas e peches da campaña.  O que evidencia a soberbia de non querer escoitar ao sector e aplicar a xestión individual.

"Un barco galego das contixentadas pode pescar 400 quilos/tripulante/día. Un vasco, 1.000"

Acerga ven de solicitar por segunda vez unha entrevista co presidente Nuñez Feijóo para trasladarlle esta situación dramática e ameaza con unha manifestación o 14 de marzo si o presidente non os recibe. Semella que as cartas están botadas, que o PP responsabiliza a Acerga da redución de cotas colectivas,  e presiona para dividir ao colectivo e facer claudicar aos que non aceptan que o seu futuro sexa o despezamento ou a compra de dereitos de pesca.

Esta situación estana a vivir en primeira persoa a flota do cerco que representa Acerga, pero é unha loita que afecta a toda a flota galega. Na mesma situación están as outras artes que pesca xarda: un barco galego das contixentadas pode pescar 400 quilos/tripulante/día. Un vasco, 1.000 quilos/tripulante/día. Tamén os do enmalle, os racús ou os xeiteiros, aos cales lle asignan  200 ton de sardiña para 427 embarcacións intentan ir meténdonos no reparto individual e non hai máis que dividir polo número de barcos para comprobar que é a ruína.

Este SOS lanzado por Acerga debe ser a chamada para defender o dereito dos mariñeiros galegos a poder pescar, esixindo unhas capturas que nos permitan sobrevivir,  e manter os noso modelo de pesca, así como as comunidades pesqueiras as que pertencemos. O dereito a poder pescar é da colectividade, dos galegos e das galegas polo que debemos negarnos a que pase a mans dos armadores e a ter que pagar para poder facer o que levamos toda a vida facendo, que é vivir do noso traballo.

Comentarios