Opinión

Romper

Os estudos sociolóxicos, a crónica social e a literatura levan séculos a debullar como as rupturas de parella repercuten na nosa saúde mental, na nosa forma de ver o mundo e na nosa rutina diaria. Como resultado, o que moitas persoas percibimos durante boa parte da nosa existencia é unha carencia absoluta de ferramentas de comprensión e de xestión emocional cando quen nos rompe, ou con quen rompemos ou debemos romper, é unha amizade. Un malestar que acada dimensión porque non sabemos poñerlle nome. Un dó condenado a existir esmagado polo afán de protagonismo do desamor.

Por moito que os conflitos fraternais sempre atopen solución na ficción, a realidade demóstranos que non sempre é así. E mancan, abofé. Atreveríame a dicir que máis e durante máis tempo que as rupturas amorosas.

Cando rompemos cunha parella, o habitual é recorrer a esa persoa que nos escoita, que nos comprende e que segue con detalle o relato cotián da nosa existencia coma quen abre un xornal. Mais, a quen recorremos cando o rompemento é con aquela na que máis confiamos? Onde van as rutinas de ocio, as chamadas telefónicas, as conversas de desafogo, escarnio e maldizer?

Que pasa cando quen nos falla é alguén ata as cellas de toxicidade, bébeda de despeito, atrapada nunha obsesión, capaz de espallar polo mundo os nosos segredos máis profundos e de retorcer as nosas palabras ante outros para facernos mal? Como actuar cando quen di que nos quere tanto oculta que en realidade non nos atura? Que facer cando a única resposta que obtemos ás nosas preguntas é a negación ou o castigo do silencio? Como restaurar esa confianza tan aparentemente sólida, tan íntima, tan sagrada, que quedou gravemente ferida, e seguir adiante nun camiño de novas amizades?

Por sorte, as plataformas de comunicación social permitiron espallar tantas mensaxes e tan diversas nos últimos anos que as rupturas xa teñen apelidos distintos a “de parella”, o concepto “xente tóxica” supera os títulos dos libros de autoaxuda e o activismo polo amor propio logrou rachar co perímetro das relacións “sentimentais”.

É posible que acadásemos un dos achados máis revolucionarios da nosa historia ao aprender que as amizades, as relacións amorosas e mesmo a familia son convencionalismos que podemos modelar, adaptar ou transformar; e, si: cando limitan, cando mancan, cando doen máis que o dó que virá despois, tamén romper.

Comentarios