Opinión

Relato da incomparecencia

Pasaron moitos días dende aquela vez que nos falou mirando para a cámara. Foron días longos, repletos de vaivéns, nos que as súas palabras na única entrevista que concedeu na televisión pública cobraron unha dimensión que seguramente non imaxinara. Nun intento de diluír o peso da súa propia mentira, a voz de Alberto Núñez Feijóo resoou de novo dende unha pantalla e a través dun chío, con matices e desculpas que quixeron parecer outra cousa e acabaron sendo simplemente escusas. Escusas e ataques de quen, antes de afundir só, prefire morrer matando.

Malia estar a cinco días do momento máis decisivo nas urnas, coa desafortunada entrevista pareceu dar por pechado o seu asunto coa democracia. Ao día seguinte apareceu nunha canle privada de medio lado e cos brazos cruzados. Con toda probabilidade, foi ese mal xesto o que lle carreou un tirón lumbar. Claro que, moito antes de alegar unha lumbalxia, el xa rexeitara ter unha segunda cita coa audiencia na televisión pagada por todas, como se o debate electoral definitivo entre candidatos e candidata dos partidos políticos fose unha opción e non unha obriga democrática para garantir o dereito da poboación a saber que pinta ten o que vai comer os próximos catro anos.

Núñez Feijóo foi este mércores o pai ausente na última función de fin de curso, a peza clave que non asiste a declarar no xuízo, o paciente que non acode á cita médica máis importante despois dunha longa espera. Contrasta iso co seu papel na política como presidente da Xunta, onde sempre quixo ser o noivo na voda e o neno no bautizo, iso si, cando xa tiña maioría absoluta e un cadro de conselleiros que xamais coñecería ninguén.

Como o pai ausente que só aparece cando cre que pode marcar un tanto, o candidato do PP non apareceu polo estudio de TVE. Non houbo metáfora do atril baleiro, pero si un monicreque na súa representación que, mentres deslexitimaba a loita contra a violencia de xénero, negaba o cambio climático e criminalizaba as persoas trans e migrantes, tivo tempo para defender o seu co narco. Tan irresponsable como mandar ao colega do bar ao aniversario do teu fillo. Independentemente dos resultados, é importante coñecer a factura permanente da incomparecencia.

Comentarios