Opinión

Nadal, luces e sombras

Aquí, deste lado bonito e brillante do planeta Terra, as liliputianas do capitalismo salvaxe recibimos o Nadal con resaca. Albíscanse poucas dúbidas de que este atoallamento é a consecuencia directa de mes e medio de luces e cores, listas de reprodución de cinco pistas, goteos e inundacións de descontos en correos electrónicos que escintilan coma luces de neón –imposibles de borrar todos dunha vez–; moreas de atascos, conxestións, embotellamentos e funcións de Nadal; xantares, ceas e amizades invisibles; árbores de Nadal como unidades de medida de liderado en ostentación electoralista.

Esta resaca que apampa, deshidrata e incha (aínda que algo de culpa terán nisto o último os mazapáns, turróns e polvoróns que nos sorrín no súper dende setembro) é o exemplo perfecto das árbores (de 44 metros máis 19 de estrela) que teiman en non nos deixar ver o bosque de contradicións no que vivimos. Celebramos sen saber moi ben o que, nós, mandas de devotas, pagás ou simplemente presas da apatía desta ornamentación anual das emocións.

Nesta beira planetaria onde ninguén emigra nunha lancha inflable pensamos que Cristo é alguén coma nós (ou aquilo que podemos esperar que pase na cea de Noiteboa), pero Cristo era palestino. Non é un slogan efectista nin unha demagoxia oportuna dicir que o home que orixinou todo isto hoxe estaría morto de medo ou de facto mentres o mundo lle dá as costas. Podería parecer que a historia se repite e estariamos no certo, se non fose porque ninguén vai resucitar para salvarnos, nin a el nin a nós.

O neno Xesús podería ser calquera das crianzas que vemos a diario cubertas de sangue e po. Pertence ao mundo das persoas asasinadas, sinaladas, perseguidas e refuxiadas, e nós á Unión Europea que acaba de endurecer a súa política migratoria para que cada Estado poida decidir se acolle as persoas migrantes ou paga unha compensación para compensarse a si mesmo. O que dan en chamar "solidariedade á carta " é unha barra libre de racismo.

No mundo ao que pertencemos compártese sofá con Netanyahu e Mohamed VI e apértase a man de Orbán e Le Pen mentres se asasina e se abusa de xente inocente. É o mesmo mundo no que sentamos na mesa da hipocrisía e nos ofendemos cando alguén nolo lembra. Este Nadal, e todos os que xa vivimos e viviremos, as nosas luces serán as súas sombras. Vaia esta desculpa por estragar a festa.

Comentarios