Opinión

Mover os marcos

Acentos de quilómetros de aquí, un mozo encamisado e cunha gran bandeira de fondo move os marcos da política que é de todos. Non é un rapaz, aínda que os xestos e expresións de eterno adolescente o fagan parecer un tiktoker máis da xeración Z falando dos seus gustos dende a casa dos seus pais. É posible que todo iso nos despiste, que elevemos unha cella e que nos mofemos. Mais ese tipo que senta diante da cámara frontal do seu teléfono móbil e fai referencias á tauromaquia, ao franquismo e a unha morea de símbolos que feden mentres bica a súa pulseira sabe moi ben o que fai. 

É comprensible o chiste ante un individuo con pinta de durmir ata as tres da tarde mentres fala dunha España que madruga. Pode que non teña idea do que é mover os marcos, ou non coñeza a expresión nin as leas que se xeran a conta deles pola nosa contorna. O que sabe con plena consciencia é o seu papel de colaborador necesario nunha dinámica orquestrada para facer caer todo o que a unha parte minoritaria da sociedade non lle gusta.

Pouco a pouco, con excesos e subidas de ton que xa daquela, hai seis anos, non nos podiamos permitir e que hoxe marcan o paso do taboleiro da política, foron comendo uns e outros a leira da democracia que tanto traballo custou cultivar. Con insultos, burlas e a repetición ata a saciedade dunha sarta de mentiras ata que pareceron verdade. Con programas, podcasts, vídeos e panfletos dixitais de culto ao negacionismo (de todas as cousas) ultra-promocionados e en prime time. Puñaladas á ciencia e faltas graves á intelixencia.

Cualifican agora a carta na que Pedro Sánchez amaga coa súa dimisión como presidente do Goberno do Estado como un melodrama, un movemento necesario do proceso de deshumanización no que nos foron insertando. Un eloxio á masculinidade fráxil de parte da oposición política e da caspa mediática, que non toleran a emoción e interpretan os afectos como debilidades.
Hai unha parte da sociedade que só entende a democracia como un totalitarismo amparado por maiorías absolutas. Todo o demais, o que votamos dende a diversidade real que nos articula e nos obriga a entendernos, é aniquilable. Cren que o sistema é seu e están dispostos a todo para moldealo a pracer. Temos a obriga de preguntarnos, máis alá do tiktoker, o pseudo-sindicato, os artífices das fake news e o xuíz que as admite a trámite, que poder real hai detrás movendo os marcos.

Comentarios