Opinión

Unha levidade insoportable

N’A insoportable levidade do ser, Milan Kundera trazou unha desas obras que entrañan todos os conceptos e todos os significados. Non era un ensaio ideolóxico, non era unha ficción histórica na Praga posterior a 1968 nin tampouco un libro de filosofía, como o propio autor teimou en aclarar. A insoportable levidade do ser é a esencia de todo, algo que só a novela é capaz de condensar e desenvolver de xeito transversal a través dos seus personaxes.

A idea do eterno retorno de Nietzsche, de que toda a existencia é cíclica, sobrevoa os protagonistas da obra cumio de Kundera, e dáse a man co miolo do pan que deu no éxito da novela: a dualidade humana entre a levidade e o peso. O peso, como representación do que nos lastra e nos derruba, e a levidade, como aquelo que nos alixeira e nos eleva, aínda que iso supoña afastarnos da realidade. “Pero é de verdade terrible o peso e marabillosa a levidade?”, pregúntase ao inicio o autor, a piques de trazar unha historia de relacións sentimentais, non sen antes mencionar a Hitler e a Revolución Francesa.

Na semana da súa morte, hai consenso ao afirmar que a obra de Milan Kundera é unha peza fundamental na engranaxe da memoria histórica europea, e tamén unha contribución imprescindible a un mundo que hoxe pretende converter o fascismo en levidade. O praguense condenado ao exilio, o que defendeu a liberdade toda a súa vida por riba de calquera outra cousa, falaba de peso para falar tamén de responsabilidade e de memoria.

A política en España tornou tamén nunha sorte de levidade insoportable. Non contabamos con que o candidato conservador sería capaz de negarse a falar de violencia de xénero no debate electoral máis importante antes das eleccións, sen pátina de suor e cun sorriso desafiante no rostro. Núñez Feijóo flotaba por riba dun presidente do Goberno irritado, atónito ante a futilidade do peso das súas cifras ante as continuas interrupcións dun livián contrincante que ascendía no aire soprando un bafo de mentiras.

Livián e cómodo na certeza por todo o mundo coñecida dos pactos do seu partido co fascismo. Recomendaríalle a Feijóo ler a obra de Kundera, escrita –esta si, de verdade– en 1984. Quizais entendería que só dende a deshumanización e o privilexio é posible soportar a levidade de vivir de costas ao peso cíclico da historia. Ou quizais sería moito peso para unha moral lixeira. 

Comentarios