Opinión

Inzados

O pasado luns ardeu Niñóns, no concello de Ponteceso. O lume forestal, que afectou a unhas 90 hectáreas, segundo os datos oficiais, declarouse con 20 minutos de diferenza doutro na parroquia carballesa de Razo, a 20 quilómetros. Despois do mes de xullo máis frío da década, e boa parte dun agosto na mesma tónica, non é difícil concluír que non é este o verán máis propicio para os incendios. Moito menos na Costa da Morte, un paraíso natural ao que só lle falta –ou, visto o visto, quizais non– o microclima do sur de Galicia.

O paraíso vén de popularizarse nos últimos anos co auxe do caravanismo ou o éxito do Camiño dos Faros –unha ruta de sendeirismo que, sen apoio institucional que a homologue, sae adiante grazas a unha asociación comprometida. É fácil botar a culpa dos estragos á xente que a visita, pero o certo é que á Costa da Morte sóbranlle incendios e ducias de xigantes eólicos que estragan a paisaxe e a paz da veciñanza; pola contra, faltan orellas que escoiten e invistan en protexela.

O ano pasado, durante o confinamento que nos mantivo na casa, iniciáronse as obras de repotenciación do parque eólico do Roncudo, como denunciou o colectivo Xente do Rural de Corme. A veciñanza, xunto coas ecoloxistas, non se opón ás enerxías limpas, senón á invasión de muíños na Costa da Morte: é o territorio galego con maior movemento eólico, cun feixe de novos proxectos en previsión. O descontrol semella ter máis en conta o negocio que a paisaxe, o medio ambiente e a unha poboación que merece ser escoitada. Se preguntas, sempre hai resposta: “Inzados, estamos inzados”.

Comentarios